Pola verdade e a Memoria Historica - Solidaridade con Dionisio Pereira
A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas máis ou menos recurtadas.
Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, que forma parte do colectivo “Sinhor Afranio”, implícase na tarefa de colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron agochar.
Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco (Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con outro monumento –algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas “Terra de Tod@s” de 2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro, titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionisio Pereira.
Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de 2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior, provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático honre a quen participou no seu esfarelamento.
En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do “Caudillo” non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.
No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que non se repita.
Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro, “Verbo Xido” dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin fere.
¡Pola liberdade de expresión!
En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007
Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”
Para apoiar a Dionisio Pereira, rogamos remitir os apoios a:
dpereirag@terra.es
antenor53@yahoo.es
E aos xornais La Voz de Galicia, El faro de Vigo, El Progreso, La Opinión, El ideal gallego, A Nosa Terra, El Correo Gallego, El País, La Vanguardia, …
Carta de Dionisio Pereira:
DIONISIO PEREIRA GONZALEZ
A/a dos amigos /as historiadores
e responsables das asociacións de recuperación da memoria:
A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase:
"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...."
Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.
Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno".
Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados.
En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.
Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.
Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda.
Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos.
Este comnicado que vos remito adxunto pode ser enviado axiña á prensa, co maior apoio posíbel de colectivos e persoas.
En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.
Saúde
Dionísio Pereira
4 Comentários:
Un sáudo fraternal de solidaridade para Dionisio Pereira.
Gracias a persoas como Dionisio Pereira vamos coñecendo a historia real deste pais e das xentes que sufriron o feixismo. Dende este lugar de liberdade un saudo e ánimo Dionisio.
personas como dionisio pereira son as que nos motivan a saber mais da nosa historia,e que moitos rehusan falar dela como aljo que non pasou.
e por desjrasia si pasou,e todo esto tiña que darse na educacion en todos colexios e universidades.
porque a memoria non se debe olvidar.un saludo dionisio.
No Grobe os da familia do Potro, os fillos non bravos,que os bravos non teñen papeles, tamén lle andan detrás de Fabian, o fillo de Garrido e de Antón Mascato, para ver si se acojonan e calan a boca. Temos que apollalos para que non podan facelos calar. A filla facha e o marido fachón de fuerza nueva, e os que viven na casa ilegal de Tourís. Adiante coa loita de Dionisio, Fabián e Antón.
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial