30 de junho de 2008

Tratado de Lisboa, perspectiva galega

por Francisco Rodríguez Sánchez

O espectáculo non pode ser máis expresivo. Os gobernos dos grandes Estados europeos están empeñados en levar adiante o seu deseño, oligarquicamente interesado, mesmo violando as regras de xogo estabelecidas. A democracia só lles vale se lles dá a razón. O non irlandés ao Tratado de Lisboa foi outra ducha de consciencia sobre a orientación dun proceso negativo para as clases populares e as pequenas nacións. Agora foi unha pequena nación, con Estado propio, quen maioritariamente se expresou sen complexos nas urnas. Fíxoo en contra dun modelo que non garante nin sequera a representación de todos na Comisión, considerada o goberno da Unión Europea. Rexeitou a proposta de toma de decisións, en asuntos chave, articulada a través de combinatorias nas que son só ineludíbeis algúns dos grandes como Alemaña, Franza ou Gran Bretaña.

Afortunadamente hai pobos que valoran o exercicio da soberanía, moito máis neste contexto de globalización. Cada vez é máis notorio que o cerne da maquinaria europea é o mercado único, a globalización económica da rexión, a moeda única. Este cerne está a triturar progresivamente, onde o había, o Estado de benestar en nome da modernización e, agora xa, da necesidade de confrontar a “crise” do sistema, favorecendo as minorías oligárquicas e provocando máis desigualdade.

Amplos sectores das clases traballadoras irlandesas votaron non ao Tratado de Lisboa pola súa orientación social regresiva. Desde a tradición de neutralidade formal de Irlanda, felizmente moitos dos seu homes e mulleres opuxéronse co seu voto negativo a facer do seu país un refén do militarismo atlantista na política internacional. A carón da contundencia coercitiva do Tratado nalgunhas materias escintila a fraxilidade dos dereitos e liberdades individuais e ,non digamos xa, dos colectivos nel contemplados. As nacións sen Estado como Galiza son inexistentes, no exercicio do seu autogoberno actual,a efectos prácticos, e negadas ou hostilizadas de aspiraren á autodeterminación . Só un reducido número de linguas estatais acada o rango de oficialidade plena, con tendencia á hexemonía do inglés. Xa se pode comprender que cabe esperar para o galego, o catalán ou o vasco.

Irlanda, din como reproche, recibiu moitos fondos europeos para o seu desenvolvemento. Esquecen que o desenvolvemento irlandés, por certo con grandes desigualdades internas, provén dunha globalización que foi confrontada cun aparato de Estado propio, actuante en materia fiscal, comercial e cultural, en cómoda e aberta posición cara ambas beiras do Atlántico. Alguén descoñece a atracción irlandesa para importantes sectores sociais e económicos dos Estados Unidos, vinculados á vella Eirín por lazos de sangue, de cultura, e de lingua?. Galiza non recibiu tantos fondos europeos. Do total de recursos comunitarios destinados a España, entre 1986 e 2006, a porcentaxe galega non pasou do 6%, inferior ao seu peso poboacional, malia o que digan os panexiristas da UE. Poren, viu como se destruíron e reduciron sectores básicos e estratéxicos da súa economía, como se avellentou a súa poboación, como perdeu peso demográfico no conxunto do Estado e como continúa a ter emigrantes, xusto en idades mozas. Non tivemos nen temos un aparato de Estado. Non é tan difícil saber o que pode pintar Galiza, aínda enriba cun autogoberno limitado, no contexto do deseño do Tratado de Lisboa. A anulación política reforzaríase nesta falsa unidade, fundamentada na desigualdade e nunhas regras dictadas de forma interesada para gobernar un mercado único insaciábel. Non podemos ser esquizofrénicos. Hai moita xente crítica,contestataria ou simplemente desacougada polas consecuencias que se derivan do modelo, agora brutalmente á vista. Algunha desta xente é hipnotizada por un europeísmo que agacha as causas reais da evolución negativa da súa sociedade. Unha concepción europeísta paifoca, acomplexada, é letal para Galiza. Nesta concepción está precisamente a negación da primeira premisa fundamental para que un pobo teña futuro: acreditar na súa capacidade e na súa autorresponsabilidade.

2 Comentários:

Às 12:47 da manhã , Anonymous Anónimo disse...

Viva España, su fútbol y su arte !!!.

 
Às 11:02 da tarde , Anonymous Anónimo disse...

iughiurugrfugtiurrigturujgu

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial