12 de junho de 2007

Politicamente incorrecto

Contame o meu compañeiro e pai da miña filla que acaba de enterarse de que os "democratas" Kaczynski, irmans xemelgos que mandan en Polonia e que son os lideres do partido PIS (non é de coña) estan preparando un proxecto de lei para sacarlle a paga que perciben os cidadans polacos que loitaron contra o feixismo na Segunda Guerra Mundial e nas Brigadas Internacionais
durante a Incivil Guerra Española, baixo a acusacion de que esa xente "queria o comunismo". Eu que sou lectora habitual de periódicos, teño que recoñecer que non me habia enterado desta
noticia, será porque se lle deu pouca publicidade, xa que os "democratas" irmans teñen moi boa prensa no mundo occidental e ben pensante, non en van estan acusados polo Parlamento Europeo de ser un dos paises donde a CIA tiña carceres secretas e non pasa nada. Esta xente son democratas e cristianos (non en balde veñen de aquel sindicato do Vaticano chamado
SOLIDARNOSC e que tantos apoios tiña nas clases ben pensantes deste e doutros paises. Aqui, se queres triunfar, e facer esas barbaridades como a dos xemelgos polacos (os mesmo que obrigan a poboacion a demostrar que non foron nunca simpatizantes comunistas, para poder ocupar un cargo publico) tes que ser "democrata", ultracatólico e politicamente correcto. Senon, estas condenado o averno da postracion, do insulto (Chavez, Castro, etc. ) , da calumnia ou do esquecemento. Menos mal que neste mundo tan light ainda queda algunha voz "politicamente incorrecta", de ahi que reproduzcamos este artigo de Xose M. Beiras, aparecido no xornal "Galicia Hoxe".

XOSÉ MANUEL BEIRAS
de catro a catro
Violencia e democracia
Eu debo de ser algo meigo. Sen pretensións de tal, pola contra: ben ao meu pesar. Dígoo porque ainda hai poucos días que puña por escrito sombrizas matinacións miñas encol do retorno do "yeti" a un ermo corral celtibérico "nublado e avesío como se comezase unha longa noite de invernía" -reproduzo literalmente a mantenta. Aclaro, para os afortunados que non me leran, que me refería ao retorno do "abominábel home franquista das neves", a unha "nova metamorfose que enmascara ao fascismo que a miña xeración combatera na encarnación anterior desa besta que transmigra sen alma." De xeito que hai ainda poucos días, digo, que andaba eu a cismar nesas soturnas matinacións. E veleiquí que hoxe mesmo ven de aparecer na escena a outra cara da moeda: disque a ETA vai interromper a sua tregua. Ben sei, interrompéraa de facto co atentado de Barajas que lles custara a vida a dous infelices inmigrados sulamericáns, inocentes vítimas imprevistas desa acción. O exército ianqui chamaríao "danos colaterais", pero iso non val de excusa en ningún caso: causar vítimas inocentes é un crime, calisquer que sexan o autor e a intencionalidade. Mais, ao caso, agora non se trataría dun episodio incidental, senón da decisión de cancelar o alto o fogo, ou sexa, reanudar as hostilidades -dito co horripilante léxico dos odiosos asuntos bélicos. E xa temos reactivados os dous polos dun conflito no que están en xogo tres valores para min cardinais: vidas humanas, paz e democracia.
Tentarei espricar este meu prantexamento do problema -e do drama. É dicir que tentarei exercer o raciocinio, con tódolos riscos que conleva. Primeiro, por qué falo de dous polos e dun conflito, no canto dun foco de violencia unilateral. Vaiamos á historia. Porque se trata dun conflito incubado na historia do Estado español e situado nas relacións políticas antre ese estado e os povos inseridos nil. Un conflito antre suxeitos de soberanía política con vontade de exercérena e o estado que llelo impide. Unha caste de conflito que non é peculiar nen inda menos exclusivo de celtiberia. Pola contra, é frecuente na historia da humanidade, e en concreto na de Europa. En moitos casos resolveuse, noutros non. Mais resolveuse sempre políticamente, ou sexa, meiante fórmulas políticas, como conflito político que é. Ás veces pacificamente, outras con violencia de por meio. Mais sempre, ao cabo, meiante procesos e fórmulas políticas que levan tempo inventadas: figuran nos tratados de teoría do estado e están ao alcanzo da leitura e comprensión de calquera. Pacíficamente resolvéronse no caso de Noruega e Islandia, que hai cousa de un século inda formaban parte do Reino de Dinamarca. Ou no caso do Flandes e a Valonia, hoxe artellados dentro da pequeniña Belxica cunha fórmula federal. Ou de Eslovaquia e Chequia, hoxe estados independentes por pacífica secesión da Checoslovaquia. Con violencia bélica naceron os actuais estados escindidos da "antiga" Iugoslavia, que xa era unha república confederal, e inda así desintegrouse -coas benzóns de tódolos estados da moi democrática Unión Europea, incluída a integrista celtiberia aznarista. Ou, enfin, no consabido, pero non aprendido, caso de Irlanda, cunha longa historia de violencia -que os ingleses chamaban terrorismo cando a exercían os irlandeses e intervención militar cando iles reprimían as pulsións independentistas.
É, portanto, un conflito entre dous polos, cunha tensión dialéctica que só se resolve por unha destas dúas vías: ou ben o proceso democrático que se basea no recoñecemento recíproco dos suxeitos en conflito e se soluciona coas fórmulas da independencia ou do pacto federal, ou ben a sumisión ou o exterminio -político- do suxeito que carece de aparello de estado proprio -pois non esquezamos que o Estado defínese como titular exclusivo da violencia "lexítima". No caso do Estado español, ese conflito xenérico ten históricamente tres manifestacións bipolares específicas, cos povos galego, catalán e euskaldún respeitivamente. Son diferentes entre sí en morfoloxía, traxectorias, etioloxías e dimensión sociopolítica. Mais son iguais no cerne, son o mesmo conflito: o conflito identitario de tres povos distintos co mesmo estado que se nega a recoñecelos como suxeitos de poder político.
A violencia etarra é unha derivada dese conflito. Unha derivada perversa, en termos dos valores cardinais que xa enunciei -vida humana, paz e democracia. Mais, con todo, derivación dun problema político non resolto conforme á sua índole, é dicir, con fórmulas da teoría do estado baseada en postulados democráticos. E aí reside o máis espiñento da custión. Porque está lexitimado para reprobar a violencia etarra quen profese e esteña disposto a praticar principios democráticos tais como o recoñecemento da identidade dun povo que non é o seu, da sua condición de suxeito titular de soberanía popular -democrática, literalmente- e do seu dereito a decidir democrática e pacíficamente o seu destino - "selfdetermination", autodeterminación, di a Carta da ONU. Mais, en troques, ¿está lexitimado quen non asume eses postulados, négalle eses dereitos e impídelle decidir por sí mesmo, convirtíndoo colectivamente en súbdito sometido a un poder imposto pola "violencia institucional" ou pola decisión política de outros?
Voltemos á historia. Á máis recente, a que colle na peripecia vital da miña xeración, a que podemos testemuñar porque foi vivida por nós e temos portanto memória vivencial dela. ¿Cándo nace e comenza a actuar ETA? Durante a Longa noite do fascismo franquista que nacera consumando un xenocidio e índa remataría matando cidadáns indefensos en Ferrol ou Gasteiz, asasinando a avogados de obreiros en Atocha, executando a loitadores antifascistas mentras agoniaba o "yeti". Daquela ETA non asasina: axusticia a esbirros ou xerifaltes dun rexime criminal, como fixera anos antes a guerrilla antifascista galega dos Foucellas, Ponte ou o Piloto. Asi o consideran e até celebran tódolos pacíficos cidadáns demócratas de entón. Ou é que xa esquecimos todo iso? Esquecimos que a cidadanía exercente como tal reclama unha rotunda creba democrática con aquel rexime e cos inquilinos todos do seu aparello de poder? Esquecimos que os cidadáns reclaman facer táboa rasa do franquismo e abrir un proceso constituínte de abaixo arriba, con proclamación do dereito de autodeterminación dos povos peninsuares e proposta dun pacto federal-confederal para artellárense como suxeitos soberanos nun estado plurinacional? Lembrámonos, ou padecemos amnesia, ou temos medo a rememoralo, ou falabamos de mintira cando o diciamos e asinabamos en documentos políticos clandestinos? E lembramos a qué ficou reducido todo iso? Aínda no ronsel do "ano da memoria" que a actual dereita española tentou sufocar, ¿lembrámonos ou non? O dereito de autodeterminación ficou excluído da Constitución, as identidades nacionais dos que non somos españois de nación tamén: a solución do histórico conflito identitario ficou adiada. Segue adiada. É máis: boicotéase a priori calquer reforma constitucional, persíguese inquisitorialmente calquer leitura non inmobilista da "carta magna", como as sagradas escrituras antes de Lutero. Pior aínda: nen sequer se toleran avances dentro do marco constitucional vixente. A reforma do estatuto vasco aprobada pola sua cámara de representantes, alcuñada de "plan Ibarretxe" para matar ao mensaxeiro, foi botada -sí, con be- das cortes españolas a pontapés. A reforma do catalán, aprobada con virtual unanimidade polo Parlament, foi demoucada na cámara española e, inda así, difamada e denunciada logo polos abominábeis das neves perante o santo oficio. A reforma do galego foi boicoteada e torpedeada por eses mesmos sen deixarnos chegar sequer a debatela na cámara dos nosos representantes. O benintencionado presidente do actual goberno español foi sistemáticamente acosado, abourado e chantaxeado por tentar dialogar a prol dunha solución política para a pacificación de Euskadi. O alto o fogo de ETA foi correspondido co recrudecemento do acoso político e xudicial á esquerda abertzale. Os indispensábeis interlocutores políticos, aos que se reclamaba que se desprendesen do brazo armado e optasen pola vía da democracia institucional, foron expulsados da ágora e encausados cos pretextos máis inverosímeis. As listas eleitorais de orgaizacións alternativas sen pasado anterior á tregua foron escandalosamente "cepilladas", como podería decir "el Canijo", con absoluto desprezo dos dereitos constitucionais dos non-natos candidatos que figuraban nelas. Curros, se vivise aínda, escribiría: "se iste é o estado de dereito que eu fixen, que o demo me leve" -e sería excomungado outra vez, sabedes ben por quen, e outra vez tería que partir para o exílio, outra vez para Cuba e, o que son as cousas, outra vez sería ben recibido alí.
A marcha atrás de ETA, ou a sua volta ás andadas, é unha traxedia. Unha traxedia política inda que non leve á prática unha reapertura das hostilidades. Unha traxedia humana, ademais, se o fai. Manteño a miña reprobación á sua violencia. Mais eu profeso e practico os postulados democráticos que tornan ilexítimo o recurso á violencia no canto da negociación en percura de solucións políticas pacíficas. En troques, os que obstruen ese camiño cívico, os que obscenamente invocan constitucións e democracia para convirtilos nunha farsa tráxica, eses son moral e políticamente tan responsábeis da violencia coma os que a practican nunha deriva perversa dunha reivindicación política en sí mesma lexítima -nunha insensata reacción simétrica, coma nun espello infernal, ao eterno retorno do yeti.

4 Comentários:

Às 3:10 da manhã , Blogger Escévola disse...

Podiamos chamar a isto os xemelgos golpean duas veces como a peli. Digoo porque xa anteriormente tiñan pensado aprobar 2 leis que lles impedían a comunistas e homosexuais formar parte do funcionariado. O da Unión Europea non hai quen o entenda, suponse que Turquía non pode entrar porque non cumple cos requisitos democráticos para facelo ( é certo se ben ten dado pasos moi importantes para poder cumplilos e sempre se lle da coa porta na cara) pero estados como Polonia, Bulgaria e Rumania si. Curioso xa que en Polonia a liberdade de culto, expresión política e opción sexual estan bastante ameazadas. Disque que para que entre Turquia hai que facer un referendum para que "a xente decida" pero ninguén nos preguntou sobre os 10 novos membros. Ademais dá igual xa que en todo caso se o que sae no referendum non gusta fan dous ou tres ata que saia como en Irlanda co tratado de Niza. Algúns deses estados do leste teñen , cando menos, dubidosas credenciais democráticas pero ocorre que son un gran mercado para dous dos estados máis potentes economicamente da unión, Alemaña e Francia e entón teñen que entrar. Tanto é así que os seus cidadáns teñen restrinxida nalgúns casos a mobilidade dentro da Unión ( Romanía) pero as mercadorías e o cápital non. E despois queren vendernos o invento ese da europa dos cidadáns ja ja.

 
Às 3:11 da manhã , Blogger Escévola disse...

O artigo de X.M. Beiras coma sempre xenial e ousado como non podía ser doutra maneira.

 
Às 7:15 da manhã , Anonymous Anónimo disse...

concordo punto por punto cas aportacions de escevola sobre as democracias de alguns dos paises do leste. Antes cando os seus gobernos eran comunistas eran malos malisimos pero agora como son (en suas proprias palabras) "nuestros hijos de puta" son "buenos buenisimos". Do Beiras, valente e atinado como sempre.

 
Às 12:07 da tarde , Anonymous Anónimo disse...

O sábado pasado estiven co Beiras na Illa de San Simón, nunha entrega de premios literarios. Está mellor que nunca, máis tranquilo, non direi máis feliz porque sei que non é asi, pero sí máis relaxado. Seica traballa moito publicando no Galicia Hoxe, e no seu excelente suplemento Altermundo... que dirixe Manoel Santos.
Nestas pasadas elección municipais reserváronlle o honor de facer campaña en lugares da chamada Galicia interior (Meaño, Cotobade...) e disque o pasou realmente ben, que aproveitou para convivir con militantes da caste dos invisibles, deses que sempre perden contra máquinas de facer cartos e favores, e para recordar os valores fundacionais desta organización na que empezamos como independentes nas xa míticas asembleas na Facultade de económicas, nos primeiros anos da década de 1980, ás que asitían Moncho Valcárce, o cura das Encrobas; Ramón Muñíz, fundador da ING; Encarna Otero, aínda profesora de instituto, en Melide... Non nos asombra a súa capacidade de análise; non nos admira o seu pasado político de compromiso ao País e á autoorganización dos galegos e das galegas; non nos marabilla o seu caudal ideolóxico deitado para a súa xente; sorpréndenos a enorme ilusión que lle brilla nos olliños azuis cando se refire ao futuro de Galicia e da nosa xente... "se pasamos polo que pasamos e estamos vivos é porque temos un futuro marcado no concerto das nacións libres, soberanas e autosuficientes, non teñas dúbidas, meu amigo..." Pois eso, se con setenta anos xa feitos e a máis brillante folla de servizos dende Castelao, pensa o que pensa, quén somos nós para non poñernos do mesmo lado da Esperanza. Porque ninguén coma o Beiras simboliza a Esperanza contra toda Esperanza.

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial