12 de setembro de 2008

O Plan Acuicola da Xunta (do PSOE)

O nacionalismo galego, que traballa nos distintos ámbitos da nosa sociedade por unha transformación real de Galiza en beneficio das maiorías, sabe desde sempre do difícil que é transmitir sen interferencias e deturpacións as súas posicións; ao igual que sabe o fácil que resulta a publicitación polos medios do sistema de mensaxes e actuacións supostamente radicais que na meirande parte das veces o único que consiguen é desmobilizar á sociedade, extendendo a famosa cantinela de que "todos son iguais" ao tempo que engordan o ego dos "supercoerentes" que son incapaces de construir alternativas serias que axuden a esa transformación do país.
Está claro que na situación actual, presentes como socio minoritario no goberno galego hai moitas cuestións que non podemos levar adiante ou que non podemos parar ao carecermos dos apoios suficientes; sendo esta a realidade na que nos movemos e non outra inventada, debemos actuar tendo en conta as forzas coas que contamos e amosando a intelixencia que nos permita quitar os maiores beneficios para Galiza e aumentar os apoios ao nacionalismo.
Nos últimos tempos, foi obxecto de debate, mesmo de polémica, a posición do BNG en relación co Plano de Acuicultura de Galiza; co obxecto de informar sobre a actuación do BNG nesta cuestión envío este artigo de Bieito Lobeira deputado no Parlamento Galego e portavoz do BNG en temas pesqueiros.



O BNG e o Plano de Acuicultura de Galiza

Bieito Lobeira Domínguez



1. O BNG sempre defendeu un modelo de planificación pública da actividade acuícola no noso litoral. Mesmo para rematar coa auténtica anarquía que posibilitou a existencia de plantas piscícolas en situación ilegal do ponto de vista urbanístico e de verteduras ao mar, que aínda se manteñen na actualidade.



2. O anterior “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” aprobado o 30/06/05 polo anterior Goberno do PP (en funcións) representaba un proxecto absolutamente inasumíbel. En consecuencia, foi prioridade para o BNG a súa supresión, acordada no Parlamento de Galiza, por certo, através dunha Proposición non de lei presentada polo BNG.



3. Ponse a continuación en marcha, a iniciativa da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, un novo proceso de elaboración do que sería o “Plano de Acuicultura de Galiza”. Cumpre sinalar que son só departamentos baixo responsabilidade do PSOE quen o elaboran, existindo ademais atribución de competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre ao Goberno Español (Dirección Xeral de Costas/Ministerio de Medio Ambiente). Non son novidade as posicións antagónicas que esa forza política mantén co BNG en materia de pesca, marisqueo e acuicultura. Pode isto gostar máis ou menos, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.



4. Na análise do proxecto por parte do BNG, conclúese que a) Non consideramos necesariamente incompatíbel a actividade piscícola con outros usos do litoral; b) Cumprirá analisar, en consecuencia, proxecto por proxecto para avaliar o seu grao de impacto; c) Defínense emprazamentos que consideramos agresivos polo impacto que representan, reclamando nalgúns casos a súa supresión, e noutros un redución substancial da superficie afectada; d) Reclamación de melloras xenéricas no Plano, en canto ás garantías medioambientais, garantías de solo público concesionado (para evitar especulación), criterios de edificabilidade, etc.; e) Garantías de xeración de emprego digno nas zonas nas que se asentan, e das que algunhas delas presentan unha taxa de emigración intolerábel.



5. Estes criterios deféndense públicamente, tanto no Parlamento (en numerosas ocasións, en Pleno e en Comisión), como socialmente nos lugares afectados polos proxectos que consideramos agresivos e nos que reclamamos a súa supresión. Mantéñense contactos con ADEGA e diversas plataformas constituidas de cara a elaborar unha estratexia común.



6. Non só non foi posíbel pór en marcha esa estratexia, senón que ademais o BNG foi obxectivo directo de ataques inxustificados por sectores claramente anti-BNG, cunha intencionalidade política descarada, e nos que confluiron intereses diversos (desde a patronal do rodaballo, até IU, certos sectores pseudoindependentistas, PP –co control dalgunhas das plataformas locais constituidas-). A ocultación das nosas posicións, a manipulación, foi unha constante durante todo ese proceso. Chegáronse a boicotar actos do BNG, isto é, da única forza política que contribuía –coas limitacións coñecidas en función da correlación de forzas no Goberno e das responsabilidades sectoriais atribuidas a cadaquén- a evitar os maiores impactos no noso litoral.



7. Foi posíbel, contodo, e grazas á acción do BNG, suprimir algúns proxectos durante a tramitación do Plano: Galloufa (nas imediacións do Castro de Baroña), Couso-Aguiño, e Ardía (Ogrobe); e redución dos previstos en Orelludas-Oia (37%), Mougás-Oia (35%), Seráns-Porto do Son (80%), e Lago-Xove (33%); a maiores outros sete emprazamentos fican condicionados polo principio de “cautela arqueolóxica”. Daquela, ainda non tendo responsabilidades directas na elaboración do Plano, o traballo do BNG serviu, na práctica, para modificar parcialmente o proxecto inicialmente previsto. Outro tipo de melloras xenéricas foron tamén incluidas.



8. O PP mantén unha posición claramente oportunista: defende o Plano, e combate o Plano cando lle convén. Mais, sobretodo, exerce como auténtico axente comercial dun dos grupos empresariais máis interesados: PESCANOVA. Pasa, así, de defender o proxecto de Touriñán (auspiciado obviamente por PESCANOVA) cun impacto brutal sobre unha das zonas virxes do litoral muxián, e cunha adquisición previa de terreos a prezo colonial (1 euro/m2), a combater a ampliación, tamén en Muxía, da factoría de Merexo (neste caso de Stolt Sea Farm).



9. Mentres, o PSOE antepón claramente os intereses empresariais (tamén con simpatías a determinados grupos) aos intereses sociais. O seu empeño por facer realidade o Plano no menor prazo de tempo posíbel foi unha constante, e só o papel do BNG evitou que o Plano se aprobara no 2007 e baixo condicións ainda piores. A colisión BNG-PSOE por este motivo tense evidenciado no Parlamento en máis dunha ocasión.



10. As posicións do BNG foron asumidas coherentemente polos nosos compañeiros no Goberno durante a tramitación do Plano.



11. O Conselleiro de Medio Ambiente, tras a aprobación (e inclusión unilateral na Orde do Día, contra o criterio do BNG) no Consello da Xunta do 28/08/08, afirma sen rubor que o Plano foi aprobado por unanimidade no Consello, gozando ademais de informes favorábeis de todos os departamentos (incluidos os do BNG) do Goberno. É unha mentira burda.



12. A partires deste momento comezará a tramitación administrativa individualizada de cada un dos proxectos. O BNG realizará un seguimento exhaustivo para facer valer as súas posicións (obviamente ao amparo da legalidade) e evitar a realización dos proxectos, xa definidos, que consideramos máis agresivos. A batalla, pois, non rematou.



13. A Unión Europea (através do Fundo Europeu para a Pesca) e o Goberno español levan anos empeñados en desmantelar o sector pesqueiro galego. En definitiva, en eliminar un competidor produtivo e comercial no mapa europeu. Neste esquema, no que se insire a política de subvencións ao despece, ao abandoo de actividade, ou o papel residual e discriminatorio coa nosa frota no reparto de posibilidades de pesca, aséntase tamén a consideración da acuicultura (en rigor, piscicultura) como prioridade política e mesmo orzamentaria. Os fundos destinados a este cometido polo PSOE non difiren aos dedicados, no seu día, polo PP (véxanse orzamentos das sucesivas consellarías de pesca). O nacionalismo galego, sen desbotar a actividade piscícola –como complemento: non como substitución!- segue a defender como prioridade a defensa da capacidade produtiva e do emprego na pesca e no marisqueo. Posúe a nosa nación un litoral extraordinariamente dotado para o exercio da actividade extractiva, ao que non podemos nin debemos renunciar.

2 Comentários:

Às 10:51 da tarde , Anonymous Anónimo disse...

Noso querido Xarabal que aparte de seres concelleiro de gran cultura de ogrobe, eres un gran esperto en temas marítimos polo que estamos a ver e supoñemos que será pola grande amistade que tes con Francisco Iglesias, patrón maior da cofradia de pescadores de ogrobe.

Queres facer ver que o plan acuicola da Xunta e tal e cual, pero eu pregunto antes de nada, o sector do mar presento algún tipo de alegacións ou queixas o plan de marras? O teu gran amigo, Francisco Iglesias, patrón maior da cofradia de ogrobe, e supostamente gran defensor do sector da pesca e marisqueo así como os seus colegas das cofradias de Pobra e Cangas, presentaron algunha alegación sobre o malo que era o plan acuícola? porque antes todo bla bla bla, e agora, caladiños caladiños caladiños coma p....

Nin tanto, nin tan pouco!

 
Às 8:00 da manhã , Anonymous Anónimo disse...

"Buena parte de las casas que conforman este núcleo residencial están afectadas por Costas, lo cual le impide a sus propietarios realizar obras, aparte de reparaciones menores. Sus dueños se quejan de unas limitaciones que no tienen sus vecinos que, aunque están en el mismo barrio, no entran en la limitación de los 20 metros establecida por el Estado.
Álvarez se sumó a estas quejas. «Non é de recibo que unhas vivendas se poidan mellorar e outras non se poidan tocar. Ixo xenera desigualdades entre veciños e feísmo». Además de para mejorar la funcionalidad e imagen de las viviendas, el Concello también pretende que la desafectación de Costas permita humanizar este tramo del litoral."
Cita de LA Voz de Galicia no día de hoxe.
Triste,tristísimo, como un concelleiro se suma ó populismo( casi mellor pepesismo)barato e despois se enche a boca con casos coma o de Raeiros. É unha vergoña para o noso povo que este "chico" apunte a alcalde. Eu así bórrome.

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial