12 de outubro de 2008

Entrevista a Francisco Rodríguez Sánchez

Diante dos tímidos pasos do nacionalismo galego, a "reserva natural" do noso idioma foi desaparecendo engulida polo colonialismo lingüicida do español, pois non hai máis que ver o panorama no ensino primario e secundario con organizacións tan belixerantes e activas como Galicia Bilingüe ou AGLI. Que opinas disto?

Son varias as reflexións. Na Galiza houbo debate ideolóxico-científico a respecto do dereito á normalidade do noso idioma e do proceso correspondente xustamente entre o marxismo que asumía a causa nacional e o españolista, precisamente cando se produciu a aparición social da reivindicación lingüística e o uso consecuente no ensino e nas funcións sociais das que estaba excluído (asembleas estudantís ou obreiras, panfletos e documentos políticos, escrita ensaística e científica...), durante os últimos anos do franquismo. Curiosamente, pretendeuse entón desanimar aos que iniciabamos unha ruptura da diglosia social, en condicións de precariedade e de represión, desde unha aparente análise radical. Se era dramática a situación do galego en 1973, como teriamos que cualificala hoxe? Non hai que ser moi agudo para comprender que se non hai proceso normalizador un idioma non pervive: retrocede nos usos sociais e pode desaparecer. Pasaron 40 anos. O galego non desapareceu, iso que nen se cumpren hoxe as condicións que, entón, Alonso puña para garantir a pervivencia do idioma 25 anos máis tarde. Unha cousa é ser realistas e críticos e outra moi diferente é facer profecías derrotistas desde actitudes prácticas enleadas nun bilingüismo ideal e nunha ideoloxía antinacionalista. Non sei se o galeguismo folclórico do que falas é o de Piñeiro. Curiosamente, o dramatismo monterista acabou nunha converxencia de intereses co piñeirismo na democracia, por exemplo, na concepción e o control das institucións culturais oficiais (RAG, Instituto da Lingua,estudos de lingua e literatura galega na Universidade de Santiago..).

As estatísticas que chegan a nós, indican que o galego perde falantes e gaña lectores. Como se pode entender?

Non teño eu tan claro de que gañe lectores. Certamente ten máis persoas capaces de lelo. Sen dúbida perdeu falantes, isto é, o aspecto cuantitativo. Pero seguramente ten un núcleo máis forte de falantes conscientes, plenos, non diglósicos. Non hai, pois, contradición. É o esperábel cando non se producen procesos plenos de normalización social dun idioma proscrito. O que se dá co galego é fragmentario, inestábel, parcial...A evolución do galego está condicionada, ademais, pola contracción da sociedade labrega, polas mutacións da base económica precapitalista, pola urbanización, pola globalización-españolización, pola falta de clases dirixentes que o asuman como proprio e pola fraude da política lingüística institucional, durante máis de 25 anos.

Houbo unha normativa que se adxectivou "de concordia". É para ti acertada, ou hai que volver e tentar achegarmos a outros espazos?

A normativa de "concordia" é a vixente. Pero algúns entenden a concordia como unha concesión fastidiosa, que a nada obriga. A intención, o espírito e a concreción da alternativa de "concordia" estaba no bo camiño: o do achegamento prudente, sen desnaturalización, á outra ponla, o portugués, do idioma común. Porén todas as institucións oficiais, a comezar polo sistema educativo, seguen ancoradas maioritariamente, na normativa anterior e nas súas opcións fonetistas, españolizantes e aillacionistas...É sintomático de canto custa aquí facer algo para mover a realidade positivamente...Hai que se achegar, concretamente, ao espazo do portugués. Pero non cunha actitude puramente testemuñal ou filoloxista, senón de pasos precisos e efectivos, que necesitan tamén conivencia da parte portuguesa e clarificación de por parte da nosa sociedade. As institucións culturais da oficialidade na Galiza non están polo labor. O nacionalismo fixo un serio intento por dar un paso adiante, dialogando cos que teñen o carimbo oficial, RAG, Instituto da Lingua Galega... En fin, hai aínda moitos prexuízos e intereses mesquiños e atomizadores. É curioso, durante o franquismo, non había ninguén que discutise a unidade do galego e do portugués. Hoxe xa ves que panorama, por obra e graza de institucións científico-lingüísticas. Tamén colaboraron, entusiastas, algúns nomeados intelectuais galegos radicalísimos... Aplicar ben, e de forma xeralizada, a normativa de "concordia" sería un primeiro paso positivo.

Recordo que Álvaro Cunqueiro, nada sospeitoso de "rojo" (nobremente falando), dicía que o bilingüismo era imposíbel, que sempre habería un idioma que interfire no outro. Que cres?

Xa dixen que o
s idiomas son fenómenos sociais. Unha sociedade, de forma natural e espontánea, non produce nin necesita máis ca un idioma para desenvolver a súa vida cotiá. Se é normal, é o seu proprio, orixinario. Pretender que unha sociedade use dous idiomas, cun equilibrio perfeito, é imposíbel. Sempre un tenderá a desprazar a funcións secundarias ou non formais ao outro, polo que a deterioración do que non se considere xerarquicamente superior, está cantado. Outra cousa é o coñecemento e uso funcionalmente preciso, para contactos no exterior ou excepcionais situacións interiores, dun idioma que poida ter vantaxes na comunicación internacional ou simplemente no sistema de múltiples relacións internacionais posíbeis. Fálase moito do bo que é coñecer moitas linguas. Ninguén o discute, malia ser claro que non hai xente menos coñecedora de idiomas que os norteamericanos. Dito isto, debe quedar claro que se os galegofalantes gozasen na Galiza dos mesmos dereitos que os castelán falantes en todos os ámbitos, para todos os usos, todas as funcións e con todos os interlocutores, o paso que daríamos sería de xigante, canto vivir en galego no propio país. Por outra parte, sería bo recoñecer que, co actual nivel de intercomunicación, é imposíbel que un galego-falante descoñeza ou sexa incapaz de usar o castelán. Non se pode dicir o mesmo dun castelán-falante respecto do galego. A política lingüística, que se venda como defensora do bilingüismo, debe telo moi en conta.

O bipartito que hoxe ten presenza no pazo do Hórreo, é o mellor para unha nación negada polo imperialismo hexemónico español que se autoproclama de esquerdas?

É o posíbel, a non ser que se prefira que goberne quen nos gobernou durante moitos anos, con tan malos resultados para a nosa consciencia como pobo diferente, con capacidade, para a nosa base material produtiva e para a nosa lingua. Imaxino que o imperialismo hexemónico español, ao que te refires, no eido político, estará representado polo modelo do bipartidismo estatal. Facer política é tamén comprometerse e luxarse as mans para avanzar algo, embora sexa paseniñamente. Ás veces as escollas son limitadas, pero non se pode renunciar ao esforzo de tirarlles o proveito posíbel nun contexto determinado. Unha resposta ideoloxista, moralista, a unha situación complexa ou a unha posibilidade limitada, pode deixarnos moi tranquilos como individuos, pero é ineficaz, inútil e contraproducente no aspecto colectivo. As nacións negadas hai que facelas visíbeis e operativas no día a día, na definición política práctica. Estarás comigo en que o apenas iniciado debate no Parlamento autonómico, acompañado dunha certa campaña social, grazas ao BNG, a prol dun estatuto de nación para Galiza fixo máis por esta idea que os purismos que a nada obrigan.

No nacionalismo digamos "oficial do BNG", non observas unha deriva cara á socialdemocracia que se aproxima e coincide coas posturas e actitudes dos socialistas españois, e tamén desoutra sucursal do nacionalismo español que representa o PP na Nación galega?


O nacionalismo do BNG é o que arde, o existente de forma clara e contundente. Todos os debates, alternativas e solucións que teñen algo de incidencia no país, referidos a Galiza, á súa sociedade, á súa economía, á súa cultura, á súa lingua e ao noso futuro como pobo, teñen marbete do BNG. Xa me gostaría a min que houbese máis nacionalismo operativo, non testemuñal. Dígoo desde a consciencia dos nosos defectos, das nosas limitacións. Nós temos que convivir nun goberno co PSOE. Porén a nosa política é nidia, dentro dos límites competenciais da autonomía, e orientada dunha forma que non é a dos nosos socios, con deseños pensados para Galiza, na Consellaría de Mundo Rural, na de Industria, na de Vivenda, no Benestar Social... Polo demais, non contrasta a nosa postura respecto do sistema de financiamento autonómico, respecto dos planos de acuicultura, da normalización da nosa lingua, do deseño das infraestruturas ferroviarias, do voto emigrante, do sector naval galego, do pequeno e mediano comercio, da política internacional, só por citarmos algúns exemplos...Outra cousa distinta é convivir. Sería bo que todos recoñecésemos o esforzo que, desde unha posición eleitoralmente minoritaria, se fai para que Galiza exista.

O Estatuto, a súa renovación... Un novo texto que non se afunda nesa entelequia metafísica de "nacionalidade histórica". Cal é o teu ponto de vista?

A situación política estatal é difícil para avanzar cara a un Estado plurinacional. Un novo Estatuto debe contemplar tres requisitos, se queremos que signifique un avance cualitativo no autogoberno, na capacidade de Galiza para enfrontar os seus problemas:a) a definición de Galiza como nación, isto é, como pobo definido con vontade política; b) un status para a nosa lingua que a conciba como lingua con dereitos para os seus falantes e deberes para a administración; c) a transferencia de competencias de grande importancia na vertebración económica e social e na autorresponsabilidade (policía de tráfico e seguranza vial, inspección de traballo, política enerxética, Axencia Tributaria, dominio público marítimo-terrestre e augas territoriais...)... A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut vai ser decisiva, para avaliar se é posíbel avanzar algo, ou se o Estado español práctica unha intolerancia inmobilista, incapaz de respectar mesmo o que son textos ditaminados polas Cortes e aprobados en referendo popular... Se non son posíbeis avances no camiño devandito, o nacionalismo non debe avalar o resultado... Pero xa se sabe que só o BNG está empeñado en que estes avances se produzan...

Que pode garantir para vivir e sobrevivir unha nación sen Estado de si?

As nacións sen Estado témolo moi duro, precisamente nesta etapa de globalización...Velaí por que é tan importante avanzar e comprometernos na batalla polo autogoberno real, pola autorresponsabilidade...Un pobo diferente que non sexa consciente da súa capacidade e da súa diferenza, que se limite a depositar o seu futuro en decisións alleas, non contribúe nada á rectificación do actual modelo, que xa vemos a onde nos está a levar. Para vivir e sobrevivir temos que participar desde unha perspectiva galega, con aspiracións propias, organizarnos e ter espazos de decisión de nós, poder dialogar con outros desde o respecto e o mutuo interese. O peor é acubillarse na desesperanza, no hipercriticismo e no individualismo autodestrutivo.

Democracia e monarquía, dous termos antagónicos... Como o entendes?


En certa maneira así é. A forma monárquica non deixa de ser un restroballo do antigo réxime. Dito isto, unha república non garante en por si unha verdadeira democracia. Non hai máis que observar exemplos como os de USA. No caso do Estado español, unha república que non se organice de forma plurinacional, pode ser unha verdadeira inquisición autoritaria. Imaxinas a un Aznar presidente da República española? Nos tempos que corren, hai moitas democracias fraudulentas e estamos moi necesitados de que as democracias non se articulen só sobre liberdades e dereitos formais, senón tamén sobre dereitos sociais e económicos, sobre dereitos colectivos... Do contrario pode parecer que a democracia só é de utilidade como cobertura, como lexitimación, da acumulación capitalista.

Libros, literatura, autores... despois dos "célebres" manifestos, palabras e outras rexoubas, está a literatura galega nunha singradura dourada, comprometida e certa?

Non o creo. Esa si que é unha visión optimista, xurdida de elementos do proprio gremio, que teñen pouco senso autocrítico. A incidencia práctica, social, cualitativa, da nosa literatura é hoxe menor que nos últimos anos do franquismo. De idade de ouro, nada. Hai traballo, obra cuantitativa. Algunhas obras e autores, de admirar e respectar, moito desnorte e pose, pouca atención ao real circundante, para afondar na súa complexidade e humanidade. O campo literario expresa moitas limitacións e miserias da nosa realidade socio-cultural e da súa forma de institucionalización. Resúltame difícil de entender que haxa compracencia sobre o estado e situación da nosa literatura neste contexto.

Que hai en Francisco Rodríguez de poeta, novelista, ou autor dramático que aínda non deu a luz pública?

Soamente fun poeta ás agachadas, como necesidade vital. Sígoo sendo na comunicación especial con algunhas persoas, nada máis. Nunca serei novelista nin autor dramático. Non teño esas capacidades. Na miña situación, coa miña experiencia, aos meus anos, só sinto a chamada da escrita ensaística. Algo podo esclarecer sobre nós, sobre Galiza, en relación co mundo.

Cal é o retrato que poderías amosar do tempo?

Son tempos de escepticismo e confusión, de duro individualismo. Tamén de hipercriticismo destrutivo. Curiosamente todo está mesturado cunha certa dose de inxenuidade e de inconsciencia. Sabemos que o mundo actual non serve, que non vai ben orientado. Cada vez énos máis difícil permanecer inactivos e indiferentes, por máis que así o pareza...

Respecto dos credos, cal é a túa opinión e mesmo situación como persoa?


Son galego, nacionalista. Considero que o nacionalismo comporta transformación social e económica, cambio de mentalidade colectiva, normalidade e dignidade para o país, para a maioría da sociedade. Estou dentro dunha tradición galega que harmoniza nacionalismo e aspectos substanciais do marxismo. Intento que a miña práctica corresponda ao meu pensamento. Sempre tiven aprezo polos esforzos reais para mellorar ou cambiar as cousas. Non gosto do ideoloxismo, de encubrir en soflamas críticas ou puristas a inacción ou a indisposición a mollarse. Por iso non gosto do esquerdismo infantil, como non gosto da acomodación. Curiosamente, nunca fun máis feliz como persoa. Resulta paradoxal, porque nunca tiven unha visión máis de sacougada do mundo

Como lector que sei que es, con que novela, poemario, ensaio ou calquera forma de expresión compromiso poderías estar e ser?


Estou coas novelas de Blanco Amor, a comezar por A Esmorga, cos poemas de Rosalía, especialmente de Follas Novas e En las Orillas del Sar, co ensaio de Castelao e Ramón Vilar Ponte, con Prisciliano e A cuestión homosexual de Chao Rego... Atendo ao reclamo tan satisfactorio de Eça de Queiroz e de Eugenio de Andrade...

Está a Nación galega aínda ben negada no mundo? Negar o dereito de autodeterminación non é, ademais dunha falacia, un xeito de perpetuación do colonialismo exterminador?

Xa o creo. Negada na España, negada en Portugal, por falarmos de quen nos arrodea. Negada moitas veces por nós mesmo perante nós e os demais, cando servimos de eco a quen nos dita submisión. Negar o que naturalmente existe é unha proba de fanatismo inquisitorial e de prepotencia anti-democrática. Cando quen ten o poder nos nega debe recorrer a moitas falacias, censuras, mentiras, enganos e, sobre todo, intolerancia,e abuso. O dereito de autodeterminación ten unha vertente práctica, de esforzo continuo por existir e reivindicar, incidir, auto-organizar, non é só o acto puntual dunha definición nas urnas. Quen impide mesmo a decisión nas urnas, naturalmente non pode chamarse demócrata.

No Parlamento do Hórreo, e para a próxima lexislatura, non cres que o BNG debería coincidir con outra esquerda que si é nidiamente galega, nacional e por suposto marxista?

Onde está na práctica esoutra esquerda? Existe unha certa tendencia en sectores do esquerdismo que se intitula de independentista a facer crítica fácil ao BNG desde posturas dunha total incoherencia persoal, sen incidencia social positiva, cun mimetismo de nacionalismos doutras latitudes que mete medo... A falla de autoestima e o auto-odio condicionan tamén aos sectores nacionalistas na Galiza. Sería bo que houbese unha actitude máis construtiva, máis apegada ao país e máis disposta a recoñecer que nada se inventa continuamente e que os xuízos deben facerse sobre prácticas contrastadas e incidencia social das alternativas políticas. Respecto todas as posicións que sexan respectuosas co BNG. Non gosto de reviravoltas ideoloxistas, demagóxicas. Os seus resultados, especialmente na mocidade, non son precisamente positivos.

E por último, Francisco, en que libro estás a laborar agora?


Estou a traballar sobre o século XIV na Galiza, especialmente sobre a guerra entre Pedro e Enrique de Trastámara, período chave para comprender moitos aspectos da evolución das relacións con Portugal e do proceso de submisión a Castela, e por suposto dos grandes esforzos dun sector das clases dirixentes e do pobo galego por manter a soberanía de Galiza. Non sabes canto ignoramos sobre nós e canta censura e desinformación padecemos sobre o noso pasado e tamén sobre o noso papel na historia.

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial