30 de junho de 2008

Tratado de Lisboa, perspectiva galega

por Francisco Rodríguez Sánchez

O espectáculo non pode ser máis expresivo. Os gobernos dos grandes Estados europeos están empeñados en levar adiante o seu deseño, oligarquicamente interesado, mesmo violando as regras de xogo estabelecidas. A democracia só lles vale se lles dá a razón. O non irlandés ao Tratado de Lisboa foi outra ducha de consciencia sobre a orientación dun proceso negativo para as clases populares e as pequenas nacións. Agora foi unha pequena nación, con Estado propio, quen maioritariamente se expresou sen complexos nas urnas. Fíxoo en contra dun modelo que non garante nin sequera a representación de todos na Comisión, considerada o goberno da Unión Europea. Rexeitou a proposta de toma de decisións, en asuntos chave, articulada a través de combinatorias nas que son só ineludíbeis algúns dos grandes como Alemaña, Franza ou Gran Bretaña.

Afortunadamente hai pobos que valoran o exercicio da soberanía, moito máis neste contexto de globalización. Cada vez é máis notorio que o cerne da maquinaria europea é o mercado único, a globalización económica da rexión, a moeda única. Este cerne está a triturar progresivamente, onde o había, o Estado de benestar en nome da modernización e, agora xa, da necesidade de confrontar a “crise” do sistema, favorecendo as minorías oligárquicas e provocando máis desigualdade.

Amplos sectores das clases traballadoras irlandesas votaron non ao Tratado de Lisboa pola súa orientación social regresiva. Desde a tradición de neutralidade formal de Irlanda, felizmente moitos dos seu homes e mulleres opuxéronse co seu voto negativo a facer do seu país un refén do militarismo atlantista na política internacional. A carón da contundencia coercitiva do Tratado nalgunhas materias escintila a fraxilidade dos dereitos e liberdades individuais e ,non digamos xa, dos colectivos nel contemplados. As nacións sen Estado como Galiza son inexistentes, no exercicio do seu autogoberno actual,a efectos prácticos, e negadas ou hostilizadas de aspiraren á autodeterminación . Só un reducido número de linguas estatais acada o rango de oficialidade plena, con tendencia á hexemonía do inglés. Xa se pode comprender que cabe esperar para o galego, o catalán ou o vasco.

Irlanda, din como reproche, recibiu moitos fondos europeos para o seu desenvolvemento. Esquecen que o desenvolvemento irlandés, por certo con grandes desigualdades internas, provén dunha globalización que foi confrontada cun aparato de Estado propio, actuante en materia fiscal, comercial e cultural, en cómoda e aberta posición cara ambas beiras do Atlántico. Alguén descoñece a atracción irlandesa para importantes sectores sociais e económicos dos Estados Unidos, vinculados á vella Eirín por lazos de sangue, de cultura, e de lingua?. Galiza non recibiu tantos fondos europeos. Do total de recursos comunitarios destinados a España, entre 1986 e 2006, a porcentaxe galega non pasou do 6%, inferior ao seu peso poboacional, malia o que digan os panexiristas da UE. Poren, viu como se destruíron e reduciron sectores básicos e estratéxicos da súa economía, como se avellentou a súa poboación, como perdeu peso demográfico no conxunto do Estado e como continúa a ter emigrantes, xusto en idades mozas. Non tivemos nen temos un aparato de Estado. Non é tan difícil saber o que pode pintar Galiza, aínda enriba cun autogoberno limitado, no contexto do deseño do Tratado de Lisboa. A anulación política reforzaríase nesta falsa unidade, fundamentada na desigualdade e nunhas regras dictadas de forma interesada para gobernar un mercado único insaciábel. Non podemos ser esquizofrénicos. Hai moita xente crítica,contestataria ou simplemente desacougada polas consecuencias que se derivan do modelo, agora brutalmente á vista. Algunha desta xente é hipnotizada por un europeísmo que agacha as causas reais da evolución negativa da súa sociedade. Unha concepción europeísta paifoca, acomplexada, é letal para Galiza. Nesta concepción está precisamente a negación da primeira premisa fundamental para que un pobo teña futuro: acreditar na súa capacidade e na súa autorresponsabilidade.

12 de junho de 2008

De novo por aqui

Ola a tod@s. De novo voltamos a estar por aqui. Dempois de estar fora de Ogrobe por cuestions laborais estos ultimos 5 meses, queremos volver a darlle un pouco de vidiña a esta vosa páxina. E vimos con moitas ganas e moitos animos para falar de todo, dos da oposición (existe ?) e dos do governo, que dende logo, hai para dar e tomar. Tentaremos que os proximos dias, sexan farturentos en novas. Entramentras, e pola sua importancia queremos publicar uns artigos enviados por un colaborador e lector deste blog. O artigo, referido a recente aprobacion pola UE da xornada laboral de 65 horas semanais, está asinado por Xose Mexuto.

Este luns deuse o primeiro paso para voltarmos ao pasado coa aprobación por parte dos ministros de Traballo da UE dunha proposta que pretende ampliar o tope da xornada semanal até as 65 horas, proposta contra a que xa se posicionou o nacionalismo galego tanto no eido político como sindical.

Esta cuestión seguro que vai dar para moito, e se provocamos o debate social poderemos quitarlle a careta a esa suposta "Unión Europea modernizadora" diante de moita xente.





60 horas traballando? O capital quer retrasar o reloxo da historia


Definitivamente o grande capital tira ao monte. Cando o fantasma da recesión se debuxa no horizonte -e non por azar, senón pola estrita aplicación do recetario neoliberal-, o capital tira a carauta posmoderna e recupera o seu comportamento ancestral de toda a vida: en época de crise, a única solución pasa por incrementar a plusvalía, isto é, por incrementar a taxa de explotación do factor traballo. Hai 90 anos que se decretou como xornada máxima as 48 horas semanais (e non por nengunha concesión graciosa, senón como produto das loitas do movimento obreiro internacional). Agora a UE -testaferro do capital máis troglodítico- propón elevar a semana laboral vixente de 48 horas até as 60 horas en termos xerais e mesmo até as 65 para certos colectivos, como os médicos.

Cuase un século despois, e nun mundo rexido por unhas condicións técnico científicas que están a anos luz das que vigoraban a comezos da pasada centuria (o que en teoría facilitaría o obxectivo de emanciparnos das longas xornadas laborais), o capital o que nos propón através dos seus fámulos políticos -Sarkozy/Merkel/Berlusconi- é espremernos máis para que os beneficios sexan maiores. Maiores para eles, claro, porque ao mesmo tempo que se incrementa a xornada laboral se propón a redución de impostos para os ricos e a privatización de servizos públicos esenciais, val dicir, a progresiva desaparición dos elementos que permiten a socialización do excedente nas economías capitalistas.

O capital quer retrasar o reloxo da historia e volver ás cavernas e quer facelo utilizando o instrumento que neste momento lle resulta máis valioso no mundo occidental, a chamada Unión Europea, un artefacto que desde os seus inicios estivo sempre ao servizo dos intereses do grande capital transnacional europeu de base francoalemá.

Se o capital propón o de toda a vida, os traballadores e as traballadoras deberíamos tomar nota e facer o propio. Están en xogo as nosas condicións de vida e sería ben que nolo tomásemos en serio.

(Non todo é tan negativo nesta ofensiva da UE contra os dereitos laborais. Ten a virtude de que quizá tire da ensoñación paralisadora a miles de traballadores e traballadoras que durante décadas caíron no engado de crer que a loita de clases pasara definitivamente á historia).

Xosé Mexuto é xornalista.


Do 2008 ao 1847: a regresión das 65 horas semanais de traballo
[GZnación / L.G. / 11 Xun 08]

A xornada laboral, por definición, é o tempo que cada traballador dedica a exercer unha tarefa para a cal foi contratado. Esta cóntase en número de horas e, segundo o contrato que nos vincule a unha empresa, sociedade... incluirá as horas traballadas diaria, mensual ou globalmente se falamos dun contrato por obra. Vintecatro horas ten o día e vintecatro eran, porén, o tope máximo de tempo para os terratenentes, propietarios, señores, etc. para dispoñer dos seus traballadores ou escravos antes de que o asociacionismo derivou en reivindicación e se articulou un regulamento para limitar o número de horas da xornada laboral.

Asistimos con sorpresa e desacougo, estes días, a unha decisión adoptada pola Unión Europea sobre a posibilidade de aumentar a 65 as horas traballadas semanalmente por un traballador. Posibilidade que, tranquilizan, será optativa pero que vai atomizar aínda máis as relacións entre traballadores facendo máis complexo o asociacionismo e elevando ao grao laboral o individualismo da sociedade.

A decisión, adoptada nunha reunión dos ministros de Traballo dos 27, consegue así unha vella petición do Partido Laborista inglés e das economías máis neoliberais do vello continente. Para a ministra eslovena neste área e presidenta esta quenda do Consello, Marjeta Cotman, o acordo alcanzado "ofrece protección para os traballadores e flexibilidade na ordenación do tempo de traballo".

A destacar a obviedade: 65 horas semanais entre seis días -os laboristas deixan que non traballemos o domingo de misa- resulta unha xornada de traballo de case 11 horas ao día. A onde nos leva este dato? Pois, alén do cansanzo, á hemeroteca.

Primeira regulación do horario laboral

A primeira regulación oficial que abarcou unicamente a duración da xornada laboral foi na Conferencia Xeral da Organización Internacional do Traballo no ano 1919. A sede foi Washington, o 29 de outubro, e foi convocada polo propio goberno norteamericano. Rematou a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Bolxevique, tivemos unha revolta obreira en Barcelona... e acordaron que traballar era cousa de 8 horas diarias, á razón de 48 horas por semana. Isto é, oito horas ao día de luns a sábado ambos os dous incluídos.

Neste momento, precisamos volver atrás. Imos a mediados do século XIX e estamos en plena efervescencia da Revolución Industrial, unha época que devora man de obra e que precisa incluso de botar man de nenos e vellos para satisfacer as ansias da nova produción capitalista. Nas fábricas de tecido inglesas, as xornadas laborais oscilaban entre as 12 e as 17 horas diarias. Non había ningunha lexislación nin sindicato algún. No traballo, inseguridade, insalubridade, baixas remuneracións.

Houbo loitas obreiras, tamén en Inglaterra, no século XVIII. No ano 1789, por exemplo, e mentres a multitude embriagaba Francia, houbo as primeiras folgas e manifestacións, todas enormemente reprimidas polo Estado. A máis famosa, a protesta de Saint Peters Field, en Manchester, coñecida como a 'matanza de Peterloo', na que morreron 11 persoas esmagadas polos cabalos da Corte. As xornadas de traballo, máis de 13 horas ao día.

Primeiras modificacións laborais

Das trece horas imos pasar, non ao 2008, senón ao 1833, onde se produciu unha das pequenas modificacións na xornada laboral. Neste ano, establécese por un decreto

da Corte no mesmo país que os menores de 9 a 13 anos, parte da poboación activa, só poden traballar 8 horas ao día, polas 12 horas do resto da poboación.

En 1850 en Inglaterra e parcialmente en USA queda disposta a xornada de 10 horas para todos os obreiros. É neste último país onde o reclamo xeneralizado para que se limite a xornada de traballo a oito horas diarias ten máis forza, a tal punto que para lograr o obxectivo sistematicamente organizábanse folgas e manifestacións. Durante o desenvolvemento dunha delas realizada na cidade de Chicago o primeiro de maio de 1866 prodúcese unha represión durísima e sanguenta. Esa data conmemórase anualmente como o “Día Internacional do Traballo”.


Oito horas, a primeira vez

A limitación da xornada de traballo foi debatida nas conferencias internacionais realizadas polos gobernos das principais potencias europeas en 1890 en Berlín e Berna en 1905, 1906 e 1913. Calquera decisión adoptada nestes encontros ía ser ignorada co comezo da Primeira Guerra Mundial, que demandou -ou permitiu- unha enorme explotación obreira sobre todo na industria da guerra.

Despois do acordo de Washington, ao que facíamos referencia máis arriba, atopamos outro antecedente importante no Tratado de Versalles, asinado o 28 de xuño de 1919 no Salón dos Espellos do Palacio de Versalles. Neste tratado estableceuse no Art. 427 que "...o traballo non debe ser considerado simplemente como un artigo de comercio...sendo de importancia particular e urxente a adopción dunha xornada de oito horas ou da semana de corenta e oito horas como fin a obter, onde non sexa obtido..."


65 horas

Onde fica a historia, e o conseguido pola clase obreira? O PSOE, que ostenta o goberno de España e que participou neste reunión da Unión Europea, votou con 'abstención' e clamando por un “retroceso dos dereitos dos traballadores”. A normativa, agora, deberá pasar polo Parlamento Lexislativo, que deberá aprobala con maioría cualificada para que saia adiante a posibilidade de volver, como dicimos, ao tan pasado 1847.